O Concello de Lugo activa un proxecto intercultural de intervención familiar para traballar na prevención das adiccións na mocidade

A actividade, que xa conta con 30 participantes de 7 nacionalidades distintas, pretende pular pola integración e tamén mellorar as relacións entre pais, nais e fillos e fillas adolescentes.

As xornadas terán lugar os domingos, en diferentes puntos da cidade, con propostas de folclore, gastronómicas ou culturais.

Lara Méndez promove, así, a creación de espazos onde os e as menores atopen a liberdade para expresar as súas inquedanzas nun entorno de apoio.

A iniciativa, deseñada polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias, enmárcase na programación do +Xti e está cofinanciada ao 70% polo Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.

As diferenzas suman. Baixo esa premisa a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe unha nova iniciativa da área de Xuventude coa que o Goberno local pretende avanzar na integración e na inclusión social dende o eido da prevención das adiccións na mocidade.

Deste xeito, a rexedora e o edil desta área, Mauricio Repetto deron a coñecer, acompañados pola educadora social de EducandoNós, Marta Paz, o programa de intervención familiar ‘Achegándonos’, organizado polo Servizo Municipal de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo, ao abeiro do programa +Xti e cofinanciado ao 70% polo Ministerio de Sanidade a través do Plan Nacional de Drogas.

Unha actividade novidosa – tal e como a cualificou Lara Méndez – dirixida a familias con fillos ou fillas menores e baseada no crisol étnico e racial presente na cidade, con case 10.000 residentes estranxeiros (en torno ao 10% da poboación), que se oferta como unha oportunidade para compartir espazo e tempo con outras culturas pero tamén cun marcado carácter interxeracional.

“O día escollido para levalo a cabo serán os domingos, buscando unha xornada na que, en principio, todos os membros poderían dispoñer de máis tempo libre e en todas as sesións, as familias contarán coa axuda de expertos a nivel de asesoría na prevención e na educación das e dos seus fillos, para o que se aproveitarán os coñecementos do resto de integrantes do grupo sempre dende o respecto ante a diversidade e as diferenzas”, subliñou a alcaldesa.

“A convivencia intercultural é unha sinal de identidade do noso entorno e a diversidade unha realidade da que nos debemos sentir orgullosos como sociedade. Por iso queremos xestionala dun xeito colectivo, dende os principios da tolerancia, a integración e a solidariedade”, afirmou a rexedora.

Méndez indicou que sobre esta base, os encontros permitirán afondar noutros valores básicos para a prevención de condutas aditivas como o respecto e a responsabilidade, buscando outras maneiras alternativas de ocio.

“Tal e como sinalan os propios técnicos do servizo que deseñaron esta actividade, o que se pretende é reforzar vínculos de confianza, positivos, intra familiares que, dende a liberdade, nos axuden a previr posibles situacións de risco. Espazos onde as e os menores poidan expresar sen ataduras as súas inquedanzas, nun entorno de comprensión e apoio”, sostivo a alcaldesa.

“Porque se hai algo común a todas as familias, sexan da cultura que sexan, é a preocupación pola saúde e por previr calquera tipo de dano, xa sexa físico ou psíquico, a nós mesmos e aos nosos fillos e fillas.

De maneira que, nesta actividade, terán a ocasión de coñecerse, de apreciar tamén as súas diferenzas, compartir costumes, problemas, medos e intereses e poderán, alén, buscar xuntos solucións e novas formas de educar que lles axuden a todos. É nese intercambio, moderado por profesionais, como agardamos converter a experiencia nunha oportunidade de aprendizaxe”, engadiu a rexedora.

Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto sinalou que as actividades propostas “fomentarán o coñecemento de diferentes culturas, a empatía polas situacións vividas por todos os membros do grupo así como o achegamento a realidades moi distintas e distantes da nosa”.

“Moitos dos prexuízos e do racismo detectado veñen derivados do descoñecemento real das diferentes culturas existentes, por iso consideramos tan importante compartir marcos, experiencias e sentimentos que nos leven a un punto común onde todas e todos convivimos”, dixo o edil.

Repetto Morban adiantou que ‘Achegándonos’ pretende ser un espazo de encontro para familias de diversas procedencias, no que mellorar as relacións e afondar no autocoñecemento. “A nosa vontade é propiciar que a rapazada e as e os seus parentes pasen xuntas un tempo de ocio de calidade, teñan oportunidade de descubrir diferentes culturas e poidan empatizar coas historias persoais de cada membro do grupo ao tempo que interiorizamos a necesidade de establecer unha convivencia positiva dentro do núcleo familiar así como a nivel comunitario”.

Isto axudará, segundo destacou o responsable de Xuventude, a erradicar estereotipos e tópicos, potenciando as relacións afectivas positivas e fomentando a colaboración grupal.

A iniciativa, que é totalmente gratuíta, vai dirixida a 10 familias, que xa foron seleccionadas por medio de educadoras sociais do Concello, con maior vulnerabilidade non xa económica senón de tipo educativo, social, etc. “Agora mesmo contamos xa con 30 participantes de países como Cuba, Perú, Marrocos, Venezuela, Colombia, España e Ghana, pero calquera familia interesada pode solicitar a súa participación enviando un mail a prevenciondrogas@lugo.gal” abondou o concelleiro.

Rolda de prensa presentación programa «Achegándonos» – 23 marzo 2022

Destaca a variedade das actividades previstas para as 5 sesións programadas

Mauricio Repetto deu conta, alén, do calendario de actividades previstas, que se desenvolverán un domingo de cada mes, dende marzo e até xullo en diferentes localizacións da cidade.

Así, o próximo día 27 de marzo, arrincará a programación na Casa da Música (Parque de Frigsa) onde as persoas participantes se coñecerán e poderán falar sobre os seus países de orixe, formas de chegar a España, percepcións da situación migratoria, etc.

Xa pola tarde, terán lugar outras actividades de tipo práctico como a elaboración de murais con cousas típicas e características de cada rexión.

O domingo 17 de abril a sesión se celebrará no Centro de Convivencia María Balteira e versará sobre cociña coa realización dun obradoiro de comidas tradicionais e a elaboración de pan e sobremesas e a súa posterior degustación.

O 22 de maio a proposta leva a unha ruta de sendeirismo, da man de Guido Guía e o 19 de xuño – de novo na Casa da Música – será momento de practicar ioga e de gozar do folclore típico de cada país, cunha tarde de xogos tradicionais ao tempo que se comparten vivencias sobre a celebración de festas e dos costumes propios.

‘Achegándonos’ concluirá o domingo 17 de xullo coa avaliación das xornadas e desfrutando dunha festa que inclúe actuacións musicais, unha master class de baile tradicional galego así como un xantar de confraternidade.

Antes de rematar, o edil quixo lembrar que as familias lucenses dispoñen dese mesmo correo electrónico (prevenciondrogas@lugo.gal) para facer consultas ou pedir citas ante calquera dúbida que lles poida xurdir de cara á prevención de drogodependencias e de calquera outra adicción, como pode ser ao móbil ou a Internet.

A educadora social, Marta Paz, encargada de levar a cabo a actividade, referiu que o proxecto estará baseado na metodoloxía participativa, que concibe aos participantes no proxecto como axentes activos na construción do coñecemento.

“Promovemos así que todas as persoas asistentes contribúan de xeito activo ao proceso de ensinar e aprender, ao entender que non só o experto ten a solución aos problemas, senón que son os e as usuarias as que dispoñen das claves primordiais tendo como punto de partida a busca de coñecemento local apoiado, iso si, na diversidade”, explicou ao tempo que sinalou que se trata dun programa dinámico, “máis efectivo e atractivo do que pode ser para a rapazada unha charla sobre os perigos das drogas”, e anunciou que tamén se ofrecerán ás familias con fillos ou fillas pequenas que queiran
anotarse, recursos de conciliación para favorecer que poidan acudir.

Declaracións de Lara Méndez – Alcaldesa de Lugo
Declaracións Mauricio Repetto – Concelleiro Xuventude e Deportes de Lugo
Declaracións Marta Paz – Educadora Social «EducandoNos»